O MONTE DA COSTA AS PORREIRAS

Foi polo 2016 cando o gardés Cándido Verde Andrés descubriu a primeira laxe con gravados no Monte da Costa. Posteriores visitas á zona fixeron que hoxe coñezamos un cento de paneis con arte rupestre algo excepcional, daquela, nesta parte sur da Serra do Extremo e de todo o concello de Paredes de Coura onde só se coñecía unha superficie con combinacións circulares e coviñas na vertente leste do Monte de São Silvestre.

O Monte da Costa fica emprazado nun sitio de paso que comunica o val alto do río Vez co val alto do río Coura e tamén coas terrazas aluviais da marxe esquerda do Miño. Acada os 570 m.s.n.m. como remate das chans situadas entre O Cardio (745 m.) polo nacente e O São Silvestre polo solpor, dous ramais da Serra do Extremo que vai morrer polo norte ó río Miño.

Aínda que só se coñecía unha superficie con gravados tiñamos constancia de 22 mámoas nas citadas chans entre A Boulhosa e São Silvestre, tamén aparecera no ano 1.905 unha estela-menhir entre A Fonte dos Tornos e A Foonte da Queimada na Boulhosa (Insalde), conservada no Museu Arqueológico de Lisboa como alí se conserva tamén a estela achada no 1.910 no lugar do Casal (Insalde) non lonxe dos gravados rupestres do Monte da Costa. Somos entón conscientes da importancia que o lugar tivo desde hai seis milenios para as comunidades humanas que habitaban na zona, escollida como lugar de enterramento, quizais durante miles de anos, chatolada por estelas (dúas que chegaron a nós) e un cento de gravados tatuando o territorio.

OS PETRÓGLIFOS

O Monte da Costa e arredores non é importante pola cantidade de superficies gravadas senón polo contido delas. No lugar concéntranse e cítanse dúas tradicións artísticas: a arte atlántica e a arte esquemática peninsular. Da primeira están presentes motivos abstractos ou xeométricos coma coviñas e combinacións circulares e motivos naturalistas coma cánidos, équidos, un cervo e seres humanos. A arte esquemática peninsular que aparece en toda España e Portugal maiormente pintada en abrigueiros,  aquí acontece gravada e os motivos son escaleiriformes, barras paralelas, puntos e antropomorfos. No Monte da Costa converxen dúas tradicións artísticas como acontece en moi poucos sitios de Portugal e Galicia.