Petróglifo 8
Outra enorme laxe granítica na parte máis alta do conxunto da cara sur do Monte da Costa. Na parte máis horizontal temos figuras propias da arte atlántica, son motivos repetidos miles de veces nas rochas gravadas de Galicia e Portugal, son miles as superficies que acollen coviñas e combinacións circulares, motivos que chamamos abstractos ou xeométricos e dos que ignoramos o seu significado. Aquí temos varias coviñas soltas, illadas en todo o panel, e outras dentro dunha liña curva cerrada tendente a circo imperfecto. Tamén hai dúas combinacións circulares de dous e tres aneis e con coviña no centro. Cara o nacente onde a laxe é máis inclinada hai unha longuísima liña de 1.600 cm. de longo que describe unha figura con certa apariencia antropomórfica ó xeito dos ortostatos das mámoas. Dentro contén dúas coviñas rodeadas por unha liña.
Na parte dereita, nunha parte inclinada da laxe hai unha trintena de coviñas grandes sen orde aparente pero tendentes a formar unha liña alongada cara abaixo. Sobre elas un zoomorfo, un animal de catro patas, unha cola longuísima rematada nunha coviña e dous apéndices sobre a cabeza. Cando no ano 2.016 no IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) deseñamos o Proxecto Equus esta foi a única superficie con animal que coñecíamos nas Porreiras/Insalde. O Proxecto buscaba todos os petróglifos con animais de ambas beiras do Miño entre o sur da Ría de Vigo e o norte do Lima, daquela eran tres ducias a cada lado, hoxe, oito anos máis tarde son un cento máis debido á prospección intensiva especializada e ás melloras nas técnicas de análise achegadas pola fotogrametría.
As conclusións parciais deste proxecto son que ó norte da Ría de Vigo o animal máis representado é o cervo o ó sur é o garrano, só hai un 10% de superficies con cérvidos. Cando hai unha escena de caza ó norte é o cervo o animal cazado e na nosa zona no 90% dos casos o actor principal é un équido. A escena tipo consiste en homes a pé ou dacabalo, axudados por cans, acosando un équido para cazalo con armas cravadas no corpo ou para facelo caír nunha trampa circular ou rectangular, un foxo ou unha rede para cazalo vivo. Hai xacementos con paneis únicos con zoomorfos e hai sitios onde se agrupan varios paneis con équidos –e cérvidos- como é o caso do Monte da Costa. Constatamos tamén que coincide o lugar onde se gravaron os paneis con animais co sitio idóneo (cabeceiras de regueiras secas, valgadas e cerradas por varios lados) para seren cazados porque a orografía facilita o seu acurralamento.


