Petróglifo 3

Ó oeste da Pedreira, nunha rocha tamén inclinada ó sur, temos un pequeno grupo de motivos xeométricos na parte alta, dous circos simples con coviña central, unha fileira de microcoviñas e tres coviñas maiores cas anteriores. Na parte baixa outra volta zoomorfos, catro équidos que se conservan completos, todos de dobre liña, é dicir: unha liña describe a cola, outra que debuxa as patas traseiras, o lombo, o pescozo e remata nas patas dianteiras. Outra liña nace paralela ás patas dianteiras, define a barriga e remata nas patas traseiras lembrando exemplares gravados na Coutada (Taboexa, As Neves).

Para gravar un exemplar de équido, ou outro cuadrúpede, usaban tres recursos distintos, o máis sinxelo é describir unha liña a cola, o lombo, o pescozo e o fuciño, é a liña cérvico–dorsal da que saen as catro liñas verticais que definen as patas. É a maneira esquemática ou ultraesquemática de gravar un cuadrúpede. O que vemos nesta laxe son liñas paralelas para todo o corpo do animal, por iso lle chamamos dobre liña que lle dá máis corporeidade, máis volume. Outra variante consiste en baleirar a parte interior do corpo, recurso polo momento só atopado aquí no Monte da Costa na rocha 60 (6 do percorrido)

Ó sur desta superficie hai varios équidos e incluso un antropomorfo en varias laxes; son exemplares illados, algún de difícil lectura.

OUTROS PETRÓGLIFOS