Petróglifo 1
A primeira parada do percorrido polo Monte da Costa facémola para ollar unha grande laxe plana inclinada cara ó oeste onde a única figura representada son máis de medio cento de coviñas. Unha coviña é un punto gravado, de planta circular e sección hemiesférica co fondo puído. É o motivo geométrico da arte atlántica máis sinxelo que está presente na maioría dos petróglifos, de feito aparece nas nove superficies escolleitas para este percorrido.
Aquí temos coviñas illadas, soas, outras aparecen en grupos máis ou menos numerosos, nas rochas 4 e 8 pasan de 30 o número de coviñas agrupadas. Outra das maneiras de presentarse é formando fileiras, aquí unha de 8 e outra de 9 coviñas en liña e coñecemos longuísimas fileiras noutros petróglifos como no Monte Tetón de Tomiño, outro lugar onde se cita a arte atlántica e a arte esquemática peninsular e abondan as coviñas en todo o panel.
Outro xeito de dispórense as coviñas é formando circos dentro de combinacións circulares, un incompleto podémolo ollar na rocha 4 e fóra do Monte da Costa nun petróglifo de Venade.
As coviñas son unha figura cunha longuísima tradición, xa aparecen hai 6.000 anos gravadas nos chantos das cámaras funerarias, nos menhires illados ou nos que forman parte de “cromeleques”. Na pintura esquemática peninsular o equivalente son puntos pintados.


