Petróglifo 7

O Monte da  Costa é un continuum granítico que debido á súa inclinación na ladeira sur non permite a acumulación de sedimentos como acontece nesta rocha 14, moi inclinada con escorrentías de auga nas estacións chuviosas e que polos motivos nela representados podemos dicir que é un panel integramente de arte esquemática peninsular. Este tipo de arte desenvólvese en gran parte na Península Ibérica, a grande maioría dos sitios son superficies pintadas protexidas nun obrigueiro ou nunha lapa que as resgarda dos axentes meteorolóxicos. Con tintas planas, sen matices, de procedencia mineral ou vexetal (ocres, negros, …) pintáronse con pinceis ou cos dedos puntos, liñas paralelas que chamamos barras, rectángulos segmentados (escaleiriformes), tamén algún circo simple ou concéntrico, meandros, etc. Dentro da colección de motivos figurados hai animais (cérvidos, cápridos, bóvidos, aves, équidos, cánidos) pero a inmensa maioría son esquemátizacións de seres humanos, son antropomosfos reducidos ós mínimos trazos, tronco, brazos e pernas, ás veces cabeza, sexo e algún adorno corporal.

Nesta rocha a parte superior está  ocupada por medio cento de coviñas e pías circulares ou alongadas moitas cun suco que as conecta ó exterior. Este motivo propio da arte atlántica coincide tamén cos puntos da arte esquemática peninsular que no canto de estaren pintados, aquí están gravados. Na parte baixa hai dúas figuras tamén propias da arte esquemática, dous rectángulos segmentados e á dereita tres figuras antropomorfas, dúas delas de brazos e pernas curvas e un longo apéndice que sae de entre as pernas coma prolongación do tronco. Este tipo de antropomorfo aparece en nove rochas máis do xacemento e nalgunhas superficies galegas e protuguesas tanto pintado coma gravado.

OUTROS PETRÓGLIFOS