Petróglifo 4

É unha gran superficie de 9 m de longo e 5 m de ancho ocupada por tres paneis ben diferenciados pola súa temática e emprazamento na orografía da laxe. No panel situado máis ó oeste, na parte máis horizontal hai un pequeno grupo de tres ou catro cuadrúpedos, algún incompleto, que son elementos naturalistas e na parte varios elementos do mundo xeométrico sen aparente conexión, como se fosen motivos gravados, engadidos uns a outros nun espazo común pero sen unidade de significado. Hai dúas pequenas combinacións circulares de dous aneis con coviña central cos aneis exteriores xuntos. Hai tamén un circo simple cunha división interior en cruz; varias coviñas soltas pola rocha, outro circo simple con coviña central, varias liñas que non describen nada que poidamos recoñecer, ben abstracto, ben figurado e na parte máis alta e chan un reticulado moi gastado ou xa de inicio pouco gravado. Este tipo de figura témola  tres veces máis no Monte da Costa e na zona de Paredes de Coura aínda que son máis de 200 as superficies con representacións de reticulados que coñecemos entre Barcelos e a península do Morrazo co seu epicentro nos montes de Baiona. É figura maioritaria na zona do Santo Antão en Caminha. Na parte máis baixa á esquerda hai un antropomorfo de brazos e pernas curvas moi esvaído.

Á dereita do conxunto anterior hai varias pequenas coviñas illadas, unha figura subrectangular dividida por liñas transversais interiores e un équido ben definido gravado con dobre liña e cola característica da zona. O exemplar está afectado por un termoclasto que é unha perda de superficie granítica debido á presenza nalgún momento de lume na vexetación que cubría a laxe e fixo acadar altas temperaturas á superficie provocando a perda de materia.

Xa na parte máis ó leste o panel está constituído por motivos xeométricos: unhas corenta pequenas coviñas nun grupo, coviñas soltas por toda a superficie, coviñas maiores alongadas que son xa, polo tamaño, pequenas pías con riscos gravados que chamamos “sucos de saída”, e na parte superior unha figura con tendencia a circo cunha fileira curva de coviñas no interior e que contén tamén un circo simple con coviña central.

OUTROS PETRÓGLIFOS