Petróglifo 5

Nesta pequena superficie inclinada ó sur nun panel de 1’5×1’6 m. temos o petróglifo máis complexo do xacemento, cremos que o centro de todo o conxunto de gravados. Xa non é doada a descrición dos motivos e aínda é máis complexa a súa interpretación.

Aínda que hai coviñas soltas por toda a rocha, é na parte esquerda onde se concentran as figuras xeométricas moi afectadas polo lume que fixo que escachara a superficie. Son circos concéntricos axuntado a unha figura con divisións internas de tendencia cadrangular. Á esquerda unha figura oblonga, entre ovalada e rectangular cun eixo central e dez casiñas no interior que nos lembra figuras pintadas doutras partes de Portugal, como na lapa dos Louções (Arronches) ou na Chã da Rapada (Britelo).

No resto da laxe hai 14 cuadrúpedes, 6 antropomorfos a pé e un montado, todos propios da arte atlántica e 10 antropomorfos da arte esquemática peninsular case todos de brazos e pernas curvos.

No centro da composición hai un cervo (CERV) rodeados por cánidos (C1, C2, C3, C4), tres homes (A11, A12, A13), todos con algún obxecto na man, incluso un (A11) deitada e no intre de lanzar unha frecha ou outra arma arreboladiza contra o animal. Sobre esta escena un home (A14) está enfrontado a un cuadrúpede (IND7, équido?) axudado por un cánido (C15). Unha terceira escena cinexética é a figura mellor conservada (E1), un équido montado por un antropomorfo no intre de arroxar unha lanza sobre un cuadrúpede (IND6, quizais équido) axudado polos antropomorfos A15 e A16.

Amais hai de dez figuras antropomorfas de brazos e pernas curvas que nada teñen que ver coas figuras humanas da arte atlántica, de entre as pernas sáelle unha liña longa que en catro casos rematan nun cuadrúpede, no cervo e en dous posibles équidos (IND3, IND5).

OUTROS PETRÓGLIFOS