Petróglifo 2
Ó longo do percorrido imos parar en seis rochas con algún zoomorfo gravado, este xacemento non é un caso illado senón que forma parte dun comportamento ó norte e ó sur do Miño onde aparecen grupos de petróglifos cunha temática común: équidos –e algún cérvido- gravados en rochas achegadas, nun pequeno espazo xeográfico. Isto acontece en Cardielos (Viana do Castelo), Lanhelas (Caminha), Verdoejo (Valença), Randufe (Tui), Couso (Gondomar).
Aquí aparecen dúas coviñas, un rectángulo dividido no interior e uns dez animais que pola morfoloxía dicimos que son équidos: catro patas, ausencia de cornos, cola longa, o pescozo tamén.
Circulan en direccións contrapostas, hai ausencia humana aínda que non andan lonxe xa que dous ou tres teñen un pequeno risco no lombo: un arma cravada. É unha escena de caza na que faltan elementos da escena tipo, canónica, completa.
A rocha está reducida polos canteiros, orientada ó sur sobre o camiño que pasa por riba da eira comunitaria e duns pardiñeiros. Unha superficie granítica máis deste continuum rochoso que é o Monte da Costa. Non moi lonxe hai superficies, catro, con antropomorfos de tipo esquemático peninsular e outras con équidos.


