Petróglifo 6
Este penedo a media ladeira ten gravados grupos de coviñas na parte alta, á dereita. Na parte baixa con pátina de milenios que oculta as figuras aparece un cuadrúpede co corpo rebaixado, un rabo moi longo e dous bos apéndices sobre a cabeza e aínda que os máis representados son os équidos ten algunha semellanza cun bóvido. Fronte o animal hai dúas figuras que engaden máis importancia ó Monte da Costa polo escasísimas que son na arte rupestre. Son dúas figuras subrectangulares que miden 26×33 e 25×19 cm. co lado maior inferior aberto e no superior un apéndice rectangular que lle achega certa fasquía antropomorfa. A figura menor ten dúas coviñas no interior. Este deseños remítennos ás placas do suroeste da Península Ibérica ben catalogadas por Katina T. Lillois na páxina ESPRIT, as placas aquí gravadas pertencen ó tipo 111, aixada (hoe) deste catálogo.
Estamos nun tempo, no que redunda unha obsesión pola representación humana máis ou menos esquemática tanto nos petróglifos coma na forma antropomórfica dalgúns esteos das mámoas, os seixos fincados no adro do dolmén ou no corredor e tamén menhires, estelas, estelas-menhir ó longo do neolítico, calcolítico e idade do bronce –entre hai 6.000 e 3.000 anos- con ou sen atributos (puñais, espadas, alabardas …) e a deposición de pequenas placas pétreas, case todas decoradas, dentro da cámara funeraria. Este paso de gravaren ou pintaren só animais durante o paleolítico vira na arte esquemática peninsular cara a gravación maioritaria de antropomorfos esquemáticos, ás veces moi esquemáticos, e son figuras que chegan até o xacemento do Monte da Costa coma xa ollamos na rochas 4 e 5 e imos ollar nas rochas 7 e 9.
Estamos nun xacemento onde se conxugan a tradición artística atlántica, a arte esquemática peninsular e influencias do centro e sur de Portugal.


