CONTEXTO ARQUEOLÓXICO
No Monte da Costa e arredores hai localizados máis de cen paneis con gravados no que se representaron figuras que constitúen un crisol de tradicións artísticas que veñen desde o interior da Península Ibérica, do sur de Portugal e da fachada atlántica. Nas chans ó norte do Monte da Costa hai un amplo espazo funerario cunhas 22 mámoas entreverado con superficies gravadas pero coa máxima densidade de petróglifos na ladeira sur na que estamos e temos que considerar un espazo, un santuario de arte rupestre pola acumulación consciente de gravados no seo dunha sociedde inmersa nun longo proceso de domesticación da terra desde o sexto milenio antes da nosa era, unha sociedade que competía pola terra de labradío e pola terra de pasto e caza e competía pola auga, polos recursos que lle daban vida e tamén prestixio.
As tensións acalmábanse en espazos de encontro comunitario que aparecen de distintas formas como sitios funerarios usado durante milenios coas modas de cada época, moda verificable no tipo de enterramento, os xeitos de decoración dos chantos e a variedade de rituais asociados. Outros sitios comunitarios son os recintos de menhires, os cromeleques, os recintos de estelas, lugares de xuntanza cun radio de atracción de ducias de quilómetros coma O Crasto de Palheiros (Murça) ou O Castelo Velho (Freixo de Numão, Foz Côa). Ou tamén santuarios rupestres coma o do Gião (Os Arcos de Valderez) con máis dun cento de paneis gravados nunha valgada natural, ou O Outeiro dos Lameiros (Baiona) con tres ducias de petróglifos e un panel cun cento de équidos gravados.
O Monte da Costa é outro santuario rupestre nun sitio de paso na serra. Temos o mundo funerario, o espazo da representación artística e falta atopar o espazo habitacional que sen dúbida existe.